martes 30 de junio de 2009

Arraiano Maior da Raia Seca

Adeus vida, adeus ríos, adeus fontes.

A muller gorda con alcuza en Buscalque.

O seu cabelo baixo as augas en Buscalque.


Os canastros, os canastros, os canastros...

X. L. Méndez Ferrín

Quero espallar a nova que adoptamos na Asociación Arraianos de recoñecer como Arraiano Maior da Raia Seca a Xosé Luís Méndez Ferrín o vindeiro 26 de xullo, coincidindo coa celebración da festa transfronteiriza da Madalena en Lobios e Lindoso.

Argallamos un programa co que procuramos recuperar a tradición que en tempos tiñan os veciños destes lugares, que era a de ir a pé ata a fronteira para reunirse alí onde as cadeas separaban e os corazón xunguían os espíritos ceibes dos arraianos, que non deixaron endexamais de racha-los impedimentos para vivir en comunidade como irmáns que somos.

Convidados estadas a gozar connosco desta celebración.

viernes 19 de junio de 2009

O mundo esta de loito

Quen salva unha vida, salva ó mundo

libro do Talmud


Hoxe despertámonos coa triste nova da morte do misioneiro Vicente Ferrer, ese home que mesmo parecía que ía caer cun sopro de aire e que tanto fixo por os que nada teñen, que por non ter non teñen nin dereito a o mínimo que lles permita sobrevivir.


Vicente Ferrer fixo tanto por tantos, e que pouco se fixo con todo o que precisamos facer, pero que home tan excepcional este xesuíta, que exemplo para este mundo tan pouco consecuente co que lle acontece a unha gran parte da humanidade, ogallá siga a súa obra e da súa semente xerminen os bos e xenerosos que precisan a humanidade.

martes 16 de junio de 2009

O glaciar arraiano do Gerês Xurés

Coñecer é lembrar

Platón


É de agradecer que se publiquen tan ilustrativos artigos de opinión como o que nos ofrece o catedrático de xeoloxía Juan Ramón Vidal Romaní, que fala da importancia que ten no eido da xeoloxía o glaciar arraiano que xa ten a arrefecida idade de 230,000 anos e que a pesares da súa situación e altitude, non se lle ten dado a relevancia que merece e coido que os arraianos e todos os que gozamos coa natureza e co coñecemento destas terras nas que nos criamos, agardamos que se poña en valor este acontecemento que labrou unha contorna tan excepcional como é o val de Riocaldo, e aínda que nada ten que ver co afloramento da augas termais que alí corren cara Viana logo de se arrefecer no Limia, penso que o xeo derreteu acariñado pola calor que de dentro fuxía inqueda e éstas se enriqueceron da pureza branca que alí adormeceu tanto tempo. Con todo, que ninguén se esqueza dos homes, eses seres que eiqui si que están a piques de desaparecer como aconteceu co glaciar arraiano.

lunes 15 de junio de 2009

Non hai futuro máis negro

ha venido sólo a guardar silencio
a escuchar el silencio de la casa
la mudez de la casa sin sus manos
Ángel Campos Pámpano

Logo de me atopar novamente estupefacto por a nova que nos achega a Voz de Galicia deste sábado sobre Lobeira, un non sabe se tragar saliva ou arremeter contra esta tropa de gobernantes deste fermoso concello que nada fan por reter a poboación ou fomentar o achegamento de novos veciños. Coido que isto é froito de moito tempo de abandono, de empurrar sempre en sentido contrario, agardando que os poucos mozos que quedan se vaian e así poder gobernar eternamente, pero a realidade é caprichosa e acontece o que acontece, que cando non hai mozos, non hai cativos e cando non hai cativos e se pecha a escola, xa nada ten sentido nin futuro, non sei a que agardan este veciños para poñer a andar ós que os gobernan e encara-lo futuro con rabia e valentía. Dóeme que isto aconteza e ninguén se rebele.



Foto do fermoso cruceiro con peto de Lobeira

jueves 4 de junio de 2009

Un cuarto de século de BORN IN THE U.S.A.

I'm a cool rocking Daddy in the U.S.A.

Bruce Springsteen


O certo é que parece que foi onte cando merquei o disco de Springsteen en Ourense, aínda recordo ese momento que soou por primeira vez naquel xiradiscos rudimentario que tiña e que medio construíra eu, dende entón acompáñame alá onde vou, e de cando en vez sácolle o po deixando que a agulla me achegue esas notas que despertan os meus sentimentos máis mozos, cando na vella cidade das Burgas procuraba esas novidades que fixeron dun tempo unha forma de gozar coa música.

Agora que cando poño un vinilo os meus fillos pregúntanme que é iso, e que non entenden que a música tivera eses soportes tan familiares e queridos para nós e tan desfasados para eles que están acostumados aos mp non sei en que número xa van, e que aínda recoñecendo a comodidade dos novos soportes, non deixan de agradarme eses estralos que se entrelazan no percorrido das cancións.

Coido que as nostalxias tamén nos axudan a crer no tempo, no paso do tempo irremediable, é máis, penso que acariñar a rugosidade dun vinilo e velo correr detido non deixa de ser unha fermosa e amigable imaxe da nosa vida, unha vida que a pesares de non ser tan cómoda, e de termos que empregar máis tempo para procurar unha canción, ou grabar unha cinta, rendía máis do que agora rende.

viernes 29 de mayo de 2009

Xa somos reserva da Biosfera, e agora que?

Eu, que nunca eu dixera, escado os cotos
do Castro Laboreiro, moumo urces
e dígovos que nada me conmove.
X.L. Méndez Ferrín

Na illa de Jeju (República de Corea), tiveron a ben os membros do Consello Internacional de Coordinación do Programa sobre O Home e a Biosfera, declarar o parque transfronteirizo Gerês-Xurés, reserva da Biosfera, nova que nos enche de ledicia ós que somos nativos destas terras, e esa ledicia queremos que se transforme en futuro, futuro para unha terra que esmorece día a día, que a pesar de ser un recuncho de vida salvaxe e de natureza en estado puro, non é capaz de atopar os alicerces que reteñan no seu chan aos fillos que seguen a emigrar.

Pregúntome, e agora que?, porque non deixo de pensar que temos a obriga de artellar solucións a este declive que nos leva a unha desaparición segura do home nestas terras arraianas, cómpre impulsar solucións e apoiar iniciativas para que isto non aconteza, pois cada vez que unha casa se pecha, é unha enorme perda para esa comunidade, pero cada vez que unha aldea queda sen xente o fracaso é da nosa sociedade, incapaz de estiñar esta sangría.


A declaración como reserva da Biosfera, é un paso importante na defensa deste territorio, e é de xustiza agradecer o empeño que tivo Xosé Benito Reza e os traballadores do Parque Natural para chegar ata aquí, pero mañá o único acto social que nos xuntará será acudir a un enterro, ese verme que non nos deixa acougo, perdéndose ese espírito que tanto ben lle fixo a esta terras, como era o de traballar en comunidade, nas rozas, nas patacas, no millo, na vendima, cando se facía o pan nos fornos comunitarios que adormecen as arañas que os habitan, así cunha poboación envellecida e unha xuventude fora, coido que as oportunidades que se presentan, non arraigarán esa raizame que precisa este chan ermo.

Espero que este título sirva para algo máis que para dicir que o posúemos, e que iniciativas coma a de Antonio Dacuña coa súa granxa de cabras co que acada un queixo de grande calidade se multipliquen, é máis, sería desexable que a Xunta de Galicia, tivese explotacións propias de cabras, gando cacheno ou incluso de garranos, sería unha forma de crear emprego, de limpa-los montes e de ter unha reserva de gando autóctono, fomentando a chegada de xente nova que se faga cargo das explotacións. Ogallá sexamos capaces de troca-lo destino, e que nos xuntemos para empurrar todos na mesma dirección, como acontece cos movementos de veciños que están a florecer no outro lado da raia, chamados estamos.


O fermoso debuxo é de María Victória 3º-A Centro Escolar de Vila Verde, adicado ao Parque Nacional Peneda Gerês e copiado do caderno "A arca da fantasía".

viernes 22 de mayo de 2009

Unha fin de semana nunha casa rural de Galicia

Facémonos eco do concurso que convocou o noso amigo Xulio Couxil, responsable do programa de radio Sempre en Galicia de Radio Cornellá e do caderno que leva o mesmo nome e que xestiona o amigo Xulio, se vos animades, entrade no caderno e non deixedes de participar.

Caderno de Sempre en Galicia

semprengalicia@gmail.com

Programa de Sempre en Galicia en Radio Cornellá


Sorteeeeeeee


lunes 18 de mayo de 2009

Coa nosa lingua

Galiza, como grupo étnico, ten dereito a diñificar a língoa que o seu propio xenio creou, porque é unha língoa capaz de ser vehículo da cultura universal, porque lle sirve para comunicarse cos pobos de fala portuguesa, porque non ten outra mellor para espresar os seus sentimentos e porque perdéndoa xa non lle quedaría ningunha razón de esistir.

Castelao


Domingo das letras en Compostela, nesta mañá de chuvia e ceo quebrado démonos cita na Alameda para secundar a manifestación en prol da nosa lingua, e certamente ós milleiros de persoas que alí nos xuntamos pouco nos importou a choiva e a falla de espazo para escoitalo e secundalo manifesto, e levantar as nosas voces en defensa dun ben irrenunciable que defenderemos contra os ataques daqueles que o empregan para sacarlle xuros políticos. Non sei cantos eramos, pois non me deu tempo de contar a todos, movíanse moito e bailábanme os números coma se estivese nun carrusel, supoño que os entendidos dos metros cadrados por persoas darán todo tipo de cifras, pero que máis dá, o certo é que as rúas estaban ateigadas, a Quintana minguou de súpeto, e as verbas entrelazábanse nun aire húmido para empurrarse polo espazo galego a quen as queira ouvir, e aos xordos de mente que se queden coa imaxe dun pobo que non claudica e non dá un paso atrás na defensa da súa lingua.



domingo 17 de mayo de 2009

Ramón Piñeiro é saudade

Galicia constitúe unha realidade social propia e ben definida.
A súa personalidade política foi anulada como tal polo
Estado español a partir dos Reis Católicos ...
Ramón Piñeiro


Neste día das nosas letras, simplemente quero ter un recordo dunha figura política e literaria coma a que significa Ramón Piñeiro para os que nos consideramos galeguistas, nese intento no que non decáeo nin un intre para darlle os pulos precisos a nosa cultura e a nosa fala, cómpre ter presente que a súa obra goza de plena actualidade, e que lonxe estamos dese desexo seu de “eu quero que tódolos partidos de Galicia sexan partidos galeguistas”, o que nos levaría a ter un pobo concienciado do que somos e a onde queremos ir, “dotar a Galicia de conciencia colectiva propia. Ao sentir conciencia dos dereitos que lle corresponden Galicia acada rango de pobo”. Seguiremos os seus vieros e non decaeremos na loita.
Moitos anos para as nosas letras.

Debuxo que me trouxo meu fillo da escola.

sábado 16 de mayo de 2009

Apoio a nosa lingua

O galego que non fala
Na lingua da súa terra
Non sabe o que ten de seu
Nin é merecente dela.
("Da Vella Roseira", Victoriano Taibo)

Na festa das letras que celebramos este domingo, tempo teremos para apoiar a manifestación que se celebra en Santiago ás 12 horas na Alameda promovida pola Mesa pola Normalización Lingüística baixo o “Manifesto pola convivencia lingüística e a igualdade de dereitos para o galego", alí estaremos coa intención de non dar un paso atrás na defensa da nosa lingua. Quedas convidado.


jueves 14 de mayo de 2009

Unha arraiana en Eurovisión

Puxéronlle esparadrapos ao lume

da palabra. Onde había deus

agora hai anceios, un feble rastro

de presenza ferida.

Faustino Lobato

Comezo con estes fermosos versos de meu amigo arraiano Tino (que me tomei a licenza de escribir en galego), enorme poeta pacense, meirande persoa e sempre compañeiro na escrita e nas preocupacións polos envites da vida, para falar da arraiana que o sábado cantará en Eurovisión e a que lle mandamos todos os nosos folgos. Soraya que é de Valencia de Álcantara, fermosísima vila de Cáceres onde se entelazan as provincias estremeñas co país atlántico, nunha terra sempre agradecida e de bo trato, dende alí e coa forza dos ventos que flúen polo Tejo, agardamos acade un triunfo e contribúa con elo a un meirande coñecemento dunha rexión excepcional que olla ó futuro coa vista posta no oeste, coa humildade de xunguir esforzos para facer a travesía máis levadeira. Moita sorte.


Imaxe elaborada por Sofía Díaz

martes 12 de mayo de 2009

Adeus ó home da triste figura

Donde nos llevó la imaginación,
donde con los ojos cerrados
se divisan infinitos campos.
Antonio Vega

Hai días nos que a rabia se apodera dun sen remedio, sen consóelo, queres tragar saliva para racha-lo nó da gorxa e non atopas máis ca sequidade, coido que un encaríñase con xente que non coñece de nada, coa que nunca intercambiou un sorriso e moito menos unha verba, pero a pesares de todo acompáñante ó longo da túa vida en momentos inesquencibles ou neses intres nos que só procuras votar a voar con notas que enchan eses espazos baleiros.

Neste día no que nos deixa para sempre o home da triste figura, o cabaleiro sempre vencido por muíños que non deixan de moer, o ollar lonxano que se afunde nun pozo do que brotan versos cheos de vida, de fermosura, o poeta que consegue a perfección do verso, porque só aquel que é musitado acada ese grado sempre desexado, neste día non hai saliva, so bágoas feridas e desexos de que na eternidade coa compaña de Marga, Antonio Vega sexa unha estrela que luza para sempre, como para sempre serán as súas cancións que xa son nosas e que tanto significan.

Imagen copiada de: http://www.myspace.com/djcarole

sábado 25 de abril de 2009

35 anos de liberdade

Non sigan persoas, sigan ideas.

Raúl Alfonsín

Agora que novamente se instala o tempo borralleiro no noso país, agora que os que nos gobernan so serven os intereses duns poucos, agora que se instala o pensamento único, é tempo de reflexionar sobre o porqué desta marcha atrás, sobre por qué non se foi capaz de revalida-lo poder para seguir con esa transformación que precisa este país e a que non debemos renunciar a pesares do desánimo e das dificultades que se presentarán no camiño.

Agora que estamos todos un tanto ilusionados co obamismo, que agardamos que unha persoa transforme o mundo, cando o mundo témolo que transformar entre todos, teñen se caibe máis importancia as verbas de Raúl Alfonsín, precisamos un novo tempo cheo de ideas, ideas que florecen coma os cravos en cada recuncho, pero que temos que regar para que non se sequen, aínda que non creo que os que ocupan o poder ou os que deciden teñan moito interese en escoitar ou ollar o que o pobo pensa, e cando a xordeira e a cegueira se instala na política, ésta é repudiada polos que queremos e precisamos que se impregne de sentido e sensibilidade.

Hoxe festexamos os 35 anos da revolución dos cravos, unha data sempre recordada e admirada, un referente da liberdade. Coido que vivimos novos tempos, tempos nos que se están a fraguar as sementes que brotarán dun ou doutro xeito, e para as que cómpre estar preparados.

E pra ja, como dín os nosos irmáns, so me ronda no senso a Grandola Vila Morena.

Foto copiada de: http://vive-a-historia.blogspot.com/


jueves 23 de abril de 2009

Verbas, ringleiras de verbas

Onde o baleirar da esfera
deixou esta beleza áspera.
Manuel Rivas

Comezo con estes versos nos que Manolo Rivas se achega á inmensidade de Castro Laboreiro, no seu poemario “A desaparición da neve”, aínda que non podo deixar de falar do fermoso día en Compostela, deixándome levar polas súas quenllas para atoparme coas flores da nosa literatura ocupando o espazo que compartimos nas prazas, flores de verbas na de Cervantes e no Toural, mentres os ollares espidos esculcan as páxinas que procuran libera-la mensaxe que agochan.

Hoxe houbo tempo para mercar e para agasallar, tempo para me reconfortar coas novas achegas sobre Celso Emilio Ferreiro, que segue tan vivo cama sempre, en “Conversas con Celso Emilio Ferreiro” de Ramón Nicolás do que aínda terei que dar conta polo miúdo, pero a escolma poética sobre o mesmo Celso Emilio que fixo o tamén poeta arraiano Baldo Ramos e á que engadiu unha chea de fermosas láminas da súa autoría, dánlle un colorido á sempre actual poesía do autor de Longa Noite de Pedra. E para rematar un obra que levaba tempo teimando por conseguir, “Curros Enriquez”, escrita por Celso Emilio. Feliz día do libro para todos, con un chisco de poesía a poder ser.

miércoles 22 de abril de 2009

Ú-lo a terra?

Vivimos baixo o mesmo ceo, mais ningún temos o mesmo horizonte

Konrad Adenauer


Nesta data da terra, abórdanme unha chea de dúbidas sobre o noso futuro neste fermoso recuncho da galaxia, coido que aínda que non quero ser pesimista non deixo de preguntarme que acontecerá co manido cambio climático?, que sorpresas nos depara a enchente dalgúns odres que non acadan fartura?, espertará a sociedade adormecida dun letargo consumista que a inutiliza?, ollaremos máis aló do noso embigo para xunguir esforzos neste vieiro de coios e terras movedizas?, racharemos cós espellos que nos enganan coma ás princesas dos contos?, quizais estas teimas so sexan froito do meu desánimo, quizais.