viernes 29 de mayo de 2009

Xa somos reserva da Biosfera, e agora que?

Eu, que nunca eu dixera, escado os cotos
do Castro Laboreiro, moumo urces
e dígovos que nada me conmove.
X.L. Méndez Ferrín

Na illa de Jeju (República de Corea), tiveron a ben os membros do Consello Internacional de Coordinación do Programa sobre O Home e a Biosfera, declarar o parque transfronteirizo Gerês-Xurés, reserva da Biosfera, nova que nos enche de ledicia ós que somos nativos destas terras, e esa ledicia queremos que se transforme en futuro, futuro para unha terra que esmorece día a día, que a pesar de ser un recuncho de vida salvaxe e de natureza en estado puro, non é capaz de atopar os alicerces que reteñan no seu chan aos fillos que seguen a emigrar.

Pregúntome, e agora que?, porque non deixo de pensar que temos a obriga de artellar solucións a este declive que nos leva a unha desaparición segura do home nestas terras arraianas, cómpre impulsar solucións e apoiar iniciativas para que isto non aconteza, pois cada vez que unha casa se pecha, é unha enorme perda para esa comunidade, pero cada vez que unha aldea queda sen xente o fracaso é da nosa sociedade, incapaz de estiñar esta sangría.


A declaración como reserva da Biosfera, é un paso importante na defensa deste territorio, e é de xustiza agradecer o empeño que tivo Xosé Benito Reza e os traballadores do Parque Natural para chegar ata aquí, pero mañá o único acto social que nos xuntará será acudir a un enterro, ese verme que non nos deixa acougo, perdéndose ese espírito que tanto ben lle fixo a esta terras, como era o de traballar en comunidade, nas rozas, nas patacas, no millo, na vendima, cando se facía o pan nos fornos comunitarios que adormecen as arañas que os habitan, así cunha poboación envellecida e unha xuventude fora, coido que as oportunidades que se presentan, non arraigarán esa raizame que precisa este chan ermo.

Espero que este título sirva para algo máis que para dicir que o posúemos, e que iniciativas coma a de Antonio Dacuña coa súa granxa de cabras co que acada un queixo de grande calidade se multipliquen, é máis, sería desexable que a Xunta de Galicia, tivese explotacións propias de cabras, gando cacheno ou incluso de garranos, sería unha forma de crear emprego, de limpa-los montes e de ter unha reserva de gando autóctono, fomentando a chegada de xente nova que se faga cargo das explotacións. Ogallá sexamos capaces de troca-lo destino, e que nos xuntemos para empurrar todos na mesma dirección, como acontece cos movementos de veciños que están a florecer no outro lado da raia, chamados estamos.


O fermoso debuxo é de María Victória 3º-A Centro Escolar de Vila Verde, adicado ao Parque Nacional Peneda Gerês e copiado do caderno "A arca da fantasía".

2 comentarios:

tino dijo...

parabéns Suso. Foi muito interessante ver e mesmo ouvir este relatorio. Muito obrigado por partilhar. Beijinhos e abraços. Tino

Suso Díaz dijo...

Grazas querido amigo polo teu alento