martes 2 de marzo de 2010

Escusalla

Através de uma névoa eis-me insensível

Ao que vivi; e que já não se inibe

No que creio que sou, e sinto; e obtive

Ver-me ver quem fui eu e hoje é invisível.

Fernando Pessoa

Nestas últimas datas, sucédense as novas repetidas sobre a casa da Escusalla situada entre os lugares de Ludeiros e Compostela no término municipal de Lobios. Como queira que tivemos a sorte de que o tema o tratase o programa de Iker Jiménez Cuarto Milenio, a nova xa deixou de ser algo provinciano para se converter en universal, pero o certo é que soubo a pouco, pois esperábamos que fose abordada na súa plenitude, pero visto o visto, quedaron moitas cousas por dicir, e polo tanto tentarei verquer un pouco máis de luz sobre este sitio que coñezo tan ben e do que sei algunhas cousas, pois como se pode ver na reportaxe os veciños de Ludeiros non foron consultados, a pesares de ser os que máis contacto temos coa casa ao ter que pasar sempre polo camiño que nos comunica co mundo.

Os acontecementos que eu coñezo parten da base de que son feitos contados por persoas que a min mos transmitiron, ben por telos vivido ou ben por que a eles contáronllo no seu momento, logo cada un que saque a conclusión que queira.

O primeiro feito que me deixou abraiado foi o que me contou un familiar moi achegado que unha pechada e sen luar, que baixaba para Aceredo alá polos anos 50 (cando o lugar aínda estaba no val que asolagou o encoro de Lindoso), moito antes de que chegase a luz eléctrica a este lugares (se ben hai que resaltar que aínda hoxe non hai luz nesta paraxe) ou se coñecera aparato que puidese producir unha enorme cantidade de enerxía, este home cando pasaba por diante da casa atopouse co patio completamente iluminado cunha luz tan forte, que lle resultaba cegadora, unha luz que subía cara o ceo coma un raio e que dende logo o acañou, pero ante a cal non se detivo e continuo o seu camiño.

Outro acontecemento non menos estremecedor é o que me dixeron tamén algunha noite de inverno ao carón do lume na lareira, e que tiña que ver co traslado dun cadaleito dende Ludeiros ata o cemiterio de Aceredo. Polo visto os homes que portaban a caixa, cando se achegaron á Escusalla, comezaron a non poder co peso e remataron por quedar derreados.

Nas noites de inverno, dende logo o tempo pasaba doutro xeito cando se transmitían estes acontecementos de pais a fillos e de fillos a netos, e outro que chamoumoito a miña atención foi o que lle aconteceu a un veciño de Ludeiros, que unha noite que retornaba polo camiño cara a casa, logo de moito andar e estar un tanto cansado, atopouse ao carón da Escusalla un burro, e o que se lle ocorreu é que podía chegar antes se montaba a cabalo do animal e o guiaba camiño arriba, pero polo visto tal e como relatou o tal personaxe, é que o burro comezou a medrar e medrar, que mesmo semellaba un monstro ou como dicía el, semellaba parecer o diaño. A dicir verdade é que non lle faltou imaxinación, pero coidei que esta era unha das maiores invencións con respecto a este lugar que para algúns está enfeitizado.


Nunha noite de verán, subía un home novo cara Ludeiros logo dunha xornada de fiadeiro en Aceredo, este home que destaca por non ter medo a nada, ao chegar ás inmediacións da Escusalla, fronte do patio interior onde asoma un enorme balcón de pedra, detívose a ollar para Buscalque (lugar desaparecido polas augas do encoro de Lindoso), xusto entre esta aldea e Os Aguinchos (zona de praia do Río Limia), tiña fama de ser un lugar onde se xuntaban as bruxas para celebrar os seus aquelarres, e atendendo ás súas explicacións comezou a ver como voaban aquelas bruxas nas súas vasoiras, como danzaban en col a unha grande fogueira e a festa que alí se vivía resultaba tentadora, pero por se fose pouco, díxo que o viu con tal claridade que é coma se o tivese o lado, e cando menos en liña recta, había uns tres quilómetros. Pero non deixou de ser máis ca unha ilusión, pois cando subiu da casa da Escusalla cara Ludeiros, xa non era capaz de albiscar algo do visto minutos antes.

Outra das lendas que circula por estas aldeas e que tampouco se tratou no programa, é a de que en certa ocasión, viña unha veciña de Compostela guiando o carro das vacas logo de descargar un viaxe de esterco nunha leira que tiña nas proximidades, e cando encarreiraba o camiño cara o lugar, ollou para unha das fiestras que dan para o camiño e viu a pantasma dun crego, a muller chegou á casa a tremer, e co impacto do que tiña visto non articulaba palabra, ata que pasado un tempo contou o que lle tiña acontecido.

Tamén circulan comentarios sobre a posibilidade de que exista un túnel que dende a casa chegara ata as inmediacións do Río Mao, pois hai quen afirmou que unha vez cando ía acompañando a auga para regar un campo, esta perdeuse por un burato no que se sentía como caía nun espazo oco de pedra, pero nada se escavou para sacar algunha conclusión a tal afirmación.


Nos anos noventa, aínda baixaba algún que outro veciño a coller o coche de liña á estrada nacional, e un deses días un pai que tiña acompañado a súa filla, de volta para Ludeiros, cando aínda era de noite, ao pasar pola Escusalla ollou algo que o estremeceu, algo que por máis que lle insistín que mo contase, non foi quen de mo dicir e coido que endexamais saberemos o que se atopou ese día nese lugar.


A miña experiencia persoal é a de unha persoa escéptica, aínda que recoñezo que despois de ir unha morea de veces á Casa da Escusalla ao longo da miña vida, e coñecendo as historias que circulan sobre o lugar, non vou dicir que non entro alertado e cun certo medo, pero só nunha ocasión me levou a crer que dentro do patio había un porco bravo ou algo semellante, pois sentir sentín o seu roncar, ou o mesmo mo figurei, pero a verdade é que percorrín cada recuncho á procura do animal, e non atopei máis ca aire, aínda que si que é certo que nunha das cortes, vin no chan de terra un risco fresco feito cun pé de animal. Pero a realidade é que eu estaba alí só, como tiña entrado.


Se temos en conta que esta casa non ten teitos, que ademais ten unha chea de buratos nas paredes que non reteñen o aire que alí zoa todo o día, e que aínda enriba conta cunha chea de árbores de toda clase de tamaños, o certo é que te podes emborrachar de sons que se de entrada vas propenso a querer ver ou escoitar algo, seguro que algo ves ou escoitas.


Coido que podería seguir a falar de outras moitas cousas que se ten dito sobre a Escusalla, pero talvez noutra entrega complemente o dito neste post, a pena é que non se fixese unha mesa de debate sobre o tema no programa do Iker Jiménez, pois material hai de abondo -cando menos na memoria dos veciños de Ludeiros- tamén se podía facer unha certa conexión co papel que xogou a igrexa con estes temas e que tanto lle beneficiaban, ou porque non, falar da Santa Compaña que se avistou en ocasións por estes lares, ou da Estantiga, e incluso podiamos abrir o tema dos avistamentos ovni que na primeira metade dos anos noventa se produciron netas terras arraianas, e que están documentados.


Ah, e por certo, o que non entendo é que se nos siga a chamar a Galicia profunda, pois non estamos soterrados nin recluídos lonxe da sociedade que habitamos, de momento, polo que coido que somos xentes do máis normal, arraianas e moi orgullosas da nosa orixe e cultura transfronteiriza.


Sexa como for, o certo e verdade é que a Casa da Escusalla é unha construción que ten un pasado, que goza dun presente e que agardamos os veciños desta parroquia teña un futuro, pero tamén é certo que non semella chegar nunca ese demandado futuro, que non pasa senón por ser unha propiedade pública; o desexable sería que a Xunta de Galicia se fixese coa titularidade e a través do Parque Natural Baixa-Limia, Serra do Xurés, tendo en conta que somos reserva da Biosfera, e que formamos parte dun conxunto en ligazón con Portugal a través do parque transfronteirizo Gerês-Xurés, as posibilidades para este lugar poden ser varias, dende albergar un escola taller que a reconstrúa logo das pertinentes catas arqueolóxicas, e que logo sirva de granxa de especies autóctonas, semilleiro ou mesmo albergar unha sede permanente do mencionado parque transfronteirizo, ata dispor de salas de exposición, na que sen dúbida debería estar de xeito permanente a colección numismática e pictórica de Jaime Paz Bernado.


A Escusalla debe ser un deses tres puntos cardinais cos que conta o parque natural, xunto con Salgueiros en Muiños, e as cortes da Carballeira de Queguas en Entrimo.


Agardamos que sirva para algo máis que para facerse unhas cantas reportaxes os que nos gobernan, pois o certo é que de eles depende que algún proxecto saia adiante, aínda que sexa o dunha hospedería con fantasma incluído que tanto éxito teñen noutros lares.


1 comentarios:

Arianne dijo...

Pois eu non o vin en cuatro, precisamente, vino na tvg..nas noticas da semana pasada, a golpe das nove da noite. Eu xa sabía que existía, pero polo meu concello tamén hai historias debastadoras de seres que se aparecen as tantas da noite pra asustar os paisanos...e non lle din moita importancia. Unha vez estiven...era de día e non sei por qué, de camiño á igresa de santa maría do xurés, donde despois hai uns sendeiros chulísmos cunhas pozas acojonantes..paramos ahi..e non sentín nada, especialmente. E mira que son moi miedosa pra esas cousas...eh? De todas formas, vendo os vídeos que se ghasta o iker kimenez xa me enontrou o medo polas pernas e vaime custar durmir!!! Gracias por por aquí máis información!!!! Abur!!!