martes 22 de junio de 2010

Iván Salgado un xadrecista con fondas raizames arraianas


Caso e descaso as damas e os valetes.
Andan os reis pasmados nesta farsa.
José Saramago

O pasado sábado, foi unha xornada de emocións dispares, comezou coma de costume cunha viaxe a unha fermosa cidade de Extremadura (Villafranca de los Barros), para asistir co meu fillo ao “IV Festival Internacional de Xadrez Ruy López” que iste ano se celebraba nesta fermosa vila da terra de barros. Non deixo de sorprenderme pola teima que nesta terra segue a medrar arredor deste deporte, este torneo é unha boa mostra do traballo ben feito e do interese que hai por darlle cada día un pulo maior e integralo en todas as etapas educativas.

Ese día dábanse cita os sub-16 e remataban os “xenios” do panorama internacional que aquí competiron en varias rondas. É unha gozada ollar ese crisol de rapazas e rapaces de Extremadura e Portugal que se enfrontaban diante dunha táboa para amosar as súas destrezas, e ao rematar non deixaban de brincar polos corredores das instalacións, unha mostra de que acabada a partida as inquedanzas infantís seguen a desenrolarse de igual xeito que en calquera parque de xogos.

Pero o sábado foi completo, pois atopei a José Carlos un ourensán afincado en Zafra que había alomenos dous anos que non coincidíamos, e que novamente viña acompañando a seu fillo a este torneo que cada dous anos se celebra na súa cidade de residencia. Tivemos tempo para repasar o acontecido en Galicia dun tempo a esta parte, e tamén para rirnos un pouco de nós mesmos, desa manía que non nos deixa vivir en ningures plenamente, pois sempre estamos pensando en retornar á terra (e cando un retorna), xa nada é o mesmo e a desafección e desarraigamento é dobre, unha verdadeira tolemia que só se pode saber cando se vive en primeira persoa.

Xa pola tarde, entre cafés e pastas, tiven tempo para falar con Iván Salgado, un rapaz ourensán que con 18 anos e sendo xa un Grande Mestre do Xadrez, resultou ser unha persoa encantadora, sinxela e que me sorprendeu moi gratamente. Logo dunha sesión de fotos co meu rapaz e de comentar aconteceres da nosa terra natal (en galego, por suposto), confesoume que seu pai é de Riocaldo, o que me encheu de ledicia e levounos a tocar outras cousas que a bo seguro non houbésemos falado.

En fin, que a meirande promesa española do xadrez mundial, afonda as súas raizames en Lobios, máis concretamente en Riocaldo, nese lugar escollido polos romanos para estender unha das súas vías e aproveitar as propiedades da auga e da natureza no seu beneficio. Coido que estamos de noraboa.

2 comentarios:

Mª Paz dijo...

Eu vou falar da mente lúcida do arraiano Pedro (iste verán quere ver o mundo dende a cima do coto de Santa Eufemia)que esta mañá espetoume: "No teu cumple ¿qué? ¿non che agasallan informes, ou non te agasallan un día de verán?" (Pedro Díaz sobre o meu traballo )Ás veces penso que son os resultados do taboleiro.

Suso Díaz dijo...

Sen dúbida, Pedro é unha caixa fabulosa de sorpresas, e como non pode ser doutro xeito, subiremos a Santa Eufemia, a ollalo mar de Viana.